Bolsas e prácticas profesionais
Institucións e Organismos da Unión Europea
O Corpo Europeo de Solidariedade é unha iniciativa impulsada pola Comisión Europea, que anunciou o presidente Juncker no discurso anual sobre o Estado da Unión en setembro de 2016. É a partir de decembro de 2016 cando a iniciativa se pon en marcha.
O obxectivo do Corpo Europeo da Solidariedade é crear oportunidades para que os mozos e mozas traballe como voluntarios ou colaboren en proxectos que beneficien a comunidades e cidadáns de toda Europa. Desta maneira, perséguese a consolidación dunha sociedade máis integradora, na que se apoie as persoas vulnerables e se dea resposta aos retos sociais, a través de experiencias estimulantes e enriquecedoras para os participantes.
Requisitos
  1. A inscrición poderase realizar a partir dos 17 anos, pero até o cumprimento dos 18 non se poderá participar en ningún proxecto. A idade máxima é de 30 anos. 
  2. Deberase ter nacionalidade ou residencia legal nun dos Estados membros da Unión europea ou dalgún dos seguintes países: Islandia, Liechtenstein, Noruega, Turquía ou Macedonia. 
  3. Aceptar os obxectivos e principios do Corpo Europeo de Solidariedade e compartir os seus valores. 
O cumprimento dos anteriores requisitos permite a participación no Corpo Europeo de Solidariedade, sen prexuízo de que cada proxecto poña cadanseus requirimentos.
Postos
O Corpo Europeo de Solidariedade ten dúas vertentes complementarias: actividades de voluntariado e actividades ocupacionais. A primeira baséase no Servizo Voluntario Europeo que forma parte do programa Erasmus+. A vertente ocupacional ofrece a oportunidade de traballar, realizar prácticas ou formarse en actividades que requiren de persoas mozas, motivadas e mentalizadas sobre temas sociais. Esta vertente irase introducindo pouco a pouco.

Os proxectos abarcan toda clase de temas, mais todos se inspiran nos obxectivos e principios do Corpo Europeo de Solidariedade. Algúns exemplos de accións a desenvolver poderán ser:
  • Axudar a reconstruír unha escola ou centro social derrubado.
  • Rozar un bosque para evitar incendios.
  • Dar asistencia a solicitantes de asilo recentemente chegados.
  • Traballar con persoas discapacitadas en centros sociais.
Non obstante, recórdase aos participantes que nunca actuarán na resposta inmediata ante unha catástrofe, xa que para iso están os corpos especializados. A listaxe de proxectos poderase consultar na web.
Lugar
Polo xeral, os proxectos han de desenvolverse dentro dos Estados membros da Unión Europea.
Prazos de solicitude
O Corpo Europeo de Solidariedade é unha iniciativa nova, polo que as organizacións aínda están na fase de elaboración de propostas de proxectos. Até finais da primavera de 2017 non se espera que comecen a admitir participantes, que se incorporarían a partir de xuño do mesmo ano.
A Comisión Europea anunciará convocatorias de propostas para distintos tipos de proxectos do Corpo Europeo de Solidariedade e difundirá a información pertinente a través das redes sociais e do correo electrónico.
Proceso de selección
Os interesados deberán realizar unha inscrición na páxina web, na que confirmarán que aceptan e defenden os obxectivos e principios do Corpo Europeo de Solidariedade. Nesa inscrición pedirase información sobre experiencia, coñecementos, preferencias e a elaboración dun perfil actualizable en calquera momento. A partires de aí, os datos da persoa inscrita quedarán gardados nunha base á que terán acceso as organizacións autorizadas pola Comisión Europea para levar a cabo os proxectos. Estas serán as encargadas de contactar coas persoas interesadas para ofrecerlles un posto dentro do seu proxecto, podendo os inscritos aceptalo ou rexeitalo. Unha vez aceptada a oferta, as organizacións e participantes deberán asinar o contrato de solidariedade onde se especifiquen os detalles, para que a Comisión poida avalalo.

Para acceder ao portal de rexistro, prema na seguinte ligazón.
 
Duración e contía
O proxecto estará en funcionanmento ata o 2020  e a súa duración poderá oscilar entre dous meses e un ano.

As persoas que participen en proxectos como vo
luntarios non percibirán remuneración algunha, senón outros tipos de axuda económica procedente do correspondente programa da UE que financie a actividade, que cubrirán gastos de transporte, aloxamento, manutención, seguro médico e diñeiro de peto.
As persoas contratadas a través da vertente ocupacional do Corpo Europeo de Solidariedade terán un contrato de traballo, polo que recibirán unha remuneración acorde á normativa salarial e aos convenios colectivos vixentes no país de recepción.
As persoas contratadas como aprendices ou bolseiros terán un contrato de traballo e, en principio, pagaráselles unha dieta.
Ultima actualización: 20-02-2019
¿Detectou un erro nesta páxina?
Compartir