Bolsas e prácticas profesionais
Fundación Galicia Europa

BOLSAS DE FORMACIÓN EN ASUNTOS EUROPEOS PARA LICENCIADOS UNIVERSITARIOS NAS OFICINAS DA FGE

A Fundación Galicia Europa (FGE) ten entre os seus fins estatutarios fomentar o achegamento da realidade galega a Europa e potenciar o seguimento dos asuntos europeos  e a formación en temas comunitarios. A FGE convoca anualmente bolsas para titulados superiores para contribuír á súa especialización neste eido. Tres das bolsas están destinadas ao seguimento das políticas comunitarias  tendo como licenciaturas preferentes: grao ou licenciatura en Dereito, Dirección e Xestión Pública, Ciencias Políticas, Ciencias Económicas e Administración e Dirección de Empresas. As outras dúas prazas resérvase a graduados ou licenciados en Ciencias da Comunicación, para informar sobre as actividades da FGE e sobre a presenza galega en Bruxelas, a integración europea e a súa particular incidencia en Galicia.
Requisitos
  • Ser nacional dun dos Estados membros da Unión Europea.  
  • Ter nacido en Galicia, ser fillo de galegos ou acreditar residencia en Galicia desde antes do 1 de xaneiro de 2015.
  • Estar en posesión dun título universitario superior (licenciatura ou grao) con posterioridade ao 31 de decembro de 2010. 
Postos
Bolseiros/as da FGE.
Lugar
Oficinas da FGE en Santiago (unha praza) e en Bruxelas (tres prazas, unha delas reservada á bolsa de comunicación).
Prazos de solicitude
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbera día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro do mes.
Proceso de selección
O proceso de selección dos beneficiarios das bolsas constará de dúas fases:
I.- Unha primeira fase de valoración de méritos. Polo que se refire á formación académica e laboral, atenderase ao expediente académico, aos estudos preferentes, posgraos, cursos relacionados cos ámbitos obxecto das bolsas e títulos de idiomas.
II.- Unha segunda fase de entrevista. Os aspirantes seleccionados serán convocados a unha entrevista na cal se valorará o coñecemento xeral sobre a organización dunha oficina e a capacidade de adaptación e de traballo en equipo, especialmente en contornos multiculturais e multilingües. A comisión de valoración poderá efectuar preguntas en lingua inglesa e/ou francesa.

Para máis información:   http://www.fundaciongaliciaeuropa.eu    
Duración e contía
A contía bruta individual das axudas para todo o período será:
– Para as bolsas con destino na oficina da FGE en Santiago de Compostela: doce mil cincuenta euros (12.050 €).
– Para as bolsas con destino na oficina da FGE en Bruxelas: catorce mil seiscentos vinte euros (14.620 €).
Para as persoas bolseiras que vaian realizar a súa formación en Bruxelas establécese unha axuda complementaria de cincocentos euros (500 €) en concepto de gastos de viaxe que serán aboados unha vez comezadas as prácticas.

Ultima actualización: 15-10-2020
¿Detectou un erro nesta páxina?
Compartir