A Fundación Galicia Europa é unha entidade sen ánimo de lucro e de interese galego creada coa finalidade de achegar Galicia a Europa a través da promoción de accións de moi diverso tipo. Constituída en 1988, forman parte do seu padroado tanto entidades públicas como privadas: a Xunta de Galicia, ABANCA, Consorcio Zona Franca de Vigo, o Consello Galego de Cámaras, as Deputacións da Coruña e de Lugo e a Axencia Galega de Innovación (GAIN). Así e todo, a Fundación está aberta a colaborar con calquera institución representativa da vida económica e social de Galicia que comparta con nós os mesmos fins e valores europeos. 

Entre os obxectivos da Fundación Galicia Europa atopamos, dunha banda, a defensa dos intereses de Galicia ante as institucións europeas, xestionando as intervencións e accións que se levan a cabo na capital comunitaria; e, doutra, todas as accións de información e formación dirixidas á poboación galega que buscan dar a coñecer o funcionamento da Unión Europea. Estas accións inclúen tamén a divulgación das fontes de financiamento a nivel comunitario, o fomento da participación en proxectos europeos e, por suposto, informar acerca das posibilidades realizar prácticas ou conseguir un emprego no exterior. 

Precisamente e polo que se refire a formación en asuntos internacionais e europeos, a Fundación leva varios anos editando a súa “Guía de prácticas e saídas laborais na Unión Europea e Organizacións Internacionais”. Con ela preténdese estimular á mocidade galega a atopar o mellor camiño posible para a realización das súas expectativas profesionais no eido internacional e de axudar á súa incorporación ao mercado laboral en contornas multiculturais e multilingües.Recóllense, así, numerosas bolsas tanto de estudo como profesionais en diversas entidades públicas e privadas galegas, nacionais e internacionais, así como oportunidades laborais na Unión Europea e en outros organismos incluíndo Organizacións non Gobernamentais.  Inclúese tamén información relevante para o estudo de idiomas, tanto en España como a través de estancias no exterior, e información práctica acerca de cómo elaborar un currículum vitae seguindo o modelo de Europass e cómo utilizar a rede EURES, fundamentais para quen queira buscar oportunidades no eido comunitario. 

A Guía de prácticas seguirá estando dispoñible na nosa páxina web, pero con importantes novidades: o novo formato electrónico que estamos a estrear permite acceder ao contido adaptado para dispositivos móbiles e tablets, así como tamén unha navegación moito más cómoda e intuitiva dentro da propia Guía. Poderase elixir o contido que máis interese e descargalo, así como tamén gardalo no noso propio cartafol electrónico para podelo consultar rapidamente sen ter que volver a facer a procura. Esta nova versión permitirá unha actualización constante, de xeito que a información que se recolle mostre as últimas novidades e contidos exactos e precisos. Ademais, incorpora a posibilidade de compartir o seu contido en redes sociais o que facilita a súa difusión, unha maiou dispoñibilidade e a interactividade entre todos os usuarios. 

Desexamos que esta Guía sexa unha ferramenta útil e eficaz na procura de novas oportunidades formativas e laborais.